Poemas que se suxiren para escoller no acto do Pasamento Laico

FAINOS CHEGAR AS TÚAS SUXESTIÓNS
PARA A MELLORA DO PASAMENTO LAICO
pasamentolaicocangas@gmail.com


1) 

Quero morrer eiquí (cando me chegue 
a hora da viaxe que me agarda). 

Eiquí niste silencio 
de pombas arroladas, 
niste vento que dorme nos piñeiros 
un profundo soño de arelanzas. 

Quero morrer eiquí cos ollos postos 
no fumegar das tellas, na borralla 
do tempo, frente a frente 
de min, aberta a ialma 
aos latexos das horas, nunha tarde 
ateigada de arpas. 

Van e veñen as nubes viaxeiras, 
as anduriñas pasan. 
O pandeiro da chuvia 
repenica unha maina 
melodía de outono, 
que no roncón do río se acompasa. 

Quero morrer eiquí. Ser sementado 
nesta miña bisbarra. 
Finar eiquí o meu cansancio acedo, 
pousar eiquí pra sempre as miñas azas. 

C.E. FERREIRO





2)

Camiñan ao meu rente moitos homes.

Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos

máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo. 

Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.

Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo. 



C.E. FERREIRO





3)

Cando na tarde veña a ser lembranza 
pechade os vosos ollos e sentide 
o ritmo do silencio a recordar 
o seu canto 
parado na memoria.

Ide, despois, pasando
as cousas que el amou, 
a pulsación da vida, 
a dor irremediable dos adeuses, 
unha por unha todas as palabras, 
os soños derrubados, 
os signos do seu sangue 
nas paredes do tempo, 
e teredes entón diante de vós, 
aberto como unha arca, 
o corazón enteiro desta patria.

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO



4)
Esta enerxía xa non vai ter fin.
Non foi creada nin será destruída.
Irá ocupando diferentes vidas
transformándose en emocións alleas,
tatuada noutros corpos paralelos,
en simultáneas procesións
sen pausas

LOIS PEREIRO



5)
Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Case morto vivín sen coñecerte
aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soubo dar mornura.
.
Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura. 
.
Como hei vivir mañá sen a luz túa?
.
Erguinme e vinte ao regresar á terra
como se fora todo aquelo un soño 
pesado e ti xa foras sempre miña.
.
Foi outra vez materno en aloumiño.
o bico teu na lingua.
.
E foi de novo corazón adentro
comprender a existencia e a dozura. 
.
Como hei vivir mañá sen a luz túa?
.
Pero hoxe mesmo o día abriu en medo
entrou na fiestra un sol estraño inmenso
e deixáchesme o leito en mantas frías.
.
Está a volver agora corazón adentro
a soedade o podre a agonía
a me pinchar as cousas en millóns de pugas
cada minuto en séculos de agullas.
. 
Como hei vivir mañá sen a luz túa?
.
BERNARDIÑO GRAÑA



6)
Algún  día serás, serei, seremos algo máis
que os cinco dedos desta man aberta que agora ergo
para dicir o uve da vitoria a xeito de fungueiro
resistindo nos ladrairos deste outono de chuva
espetados dende o fondo no cerne do chedeiro.
Algún día serás, serei, seremos todos xuntos
un canto duro de granito e pico de canteiro
dende o Candán da lebre e máis dos pombos
ata a corredoira vella que vai finar no leito.

Algún día serás, serei, seremos
a lousa megalítica chantada nun outeiro.

XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR







7)
Memoria, 
emisaria do mar, 
que nos mantén un cheiro de recordo: 
Algo de nós, 
pureza de altos días, 
mentres camiño pola vasta area 
e penso no amor 
que sempre  se comeza nunha praia.

XOHANA TORRES




8)
Amo o perfil de brétema e aceiro
temperado na luz da madrugada
que puxo en ti a historia dilatada
de xente mariñeira e puño obreiro.

Ámoche a man escura maculada
polas ásperas cousas que dominas
e pos en orde xusta e disciplinas
concisamente en si cada xornada.

Amo o teu corpo firme e musculoso
que se ergue vertical e clama ó ceo
como unha abidueira prateada,

e amo ese lento fume nemoroso
que che vén contra a noite pórche un veo
de orballo campesiño na mirada. 


DARÍO XOHÁN CABANA